Tuesday 14 de May de 2024

Máis de 168.000 alumnos participan este curso nos 45 programas educativos temáticos que a Xunta de Galicia integra no “Plan Proxecta”


— Desenvólvenos un total de 640 centros educativos co traballo de 7.424 docentes

— Trátase de iniciativas relacionadas coa saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio ou o medio ambiente, entre outros

Un total de 168.811 alumnos participan este curso nos diferentes programas educativos que a Xunta de Galicia integra no Plan Proxecta+. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou xa a resolución definitiva dos 640 colexios e institutos que toman parte das distintas iniciativas institucionais do Goberno galego no ano académico 2022/23, co apoio e traballo de 7.424 docentes.
Os centros implicados desenvolverán un total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

Tres deles incorporáronse este curso, en concreto AntarticLab CSIC, Mestres Gandeiros e Rede de Eco Hortas Escolares. AntarticLab CSIC é un certame de ideas innovadoras en instrumentación e ensaios científicos, dirixido a estudantes de Formación Profesional, organizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) coa colaboración da Consellería de Educación e o apoio tecnolóxico de Marine Instruments.

Mestres Gandeiros, desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Cooperativa A Carqueixa, está centrado en transmitir o coñecemento e as boas prácticas que a poboación rural está levando a cabo, como xestores da natureza e da paisaxe, mediante o emprego de técnicas de xogo, de sistemas de información xeográfica, do coñecemento das persoas e do contacto co territorio.

Rede de Eco Hortas Escolares, en colaboración tamén coa Consellería de Medio Ambiente e a través da Asociación Amigos da Terr, é un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias dirixido a calquera centro educativo galego que teña en marcha ou queira iniciar una horta ecolóxica nas súas instalacións. A integración na rede implica actividades de horta e actividades de aula en temáticas directamente relacionadas.
Por número de centros participantes, o programa con máis número de centros integrados é Proxectos de vida activa e deportiva, que promove o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado. A distribución por programas é a seguinte:

Programas Centros participantes
Proxectos de vida activa e deportiva (PVAD) 310
Aliméntate ben 107
Donas de si 75
Proxecto Ríos 58
Vexo veo Xacobeo 53
ProxectoTERRA 47
MeteoEscolas 42
Quérote+ 32
Por 365 días de respecto e igualdade 31
Mobilidade sostible e segura 30
Correspondentes xuvenís 29
Paisaxe e Sustentabilidade 27
Consumópolis 26
Apuntámonos a non beber 26
Aprendo programando 21
Mestres gandeiros 21
Recíclate con Sogama 20
Parlamento Xove 20
Nós tamén creamos! 20
Proxecto de innovación en dinamización lingüística 20
Protexe os animais 19
Clases sen fume 17
Naturézate 16
Voluntariado miúdo: Móvete! 16
Rapazas emprendedoras nas TIC 15
Galicons-net 15
O monte vivo 15
Proxecto didáctico Antonio Fraguas 14
Educación patrimonial 14
Salvavidas 13
Rede de Centros Escolares Solidarios 11
Fotografía en curso 11
Escola Verde 9
Pasaporte solidario 9
Fitofaladoiro 9
Activistas polo mundo que queremos 6
Rede de Eco Hortas Escolares 5
Protexe o teu medio 5
Xente con Don 4
Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional 4
Cinema en curso 4
AntarticLab CSIC 4
De Ítaca a Ávalon 2
Moitavista na Escola 2
Educación en dereitos da infancia e cidadanía global 1

O Plan Proxecta+ ofertouse por primeira vez no curso 2012/13 con 18 programas e desde entón incorporáronse novos programas e aumentou de xeito constante o número de colaboración con outras consellerías e institucións, ata chegar aos 45 actuais.